Un total de 294 vivendas serán completadas en Carral próximamente, tras seren adxudicadas pola Sareb (Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria, o chamado “banco malo”) a distintas empresas promotoras que na actualidade afean o casco urbano de Carral.
Estas vivendas foran paralizadas e abandonadas polas propias construtoras durante a crise inmobiliaria do 2008, e tiveron que ser rescatadas polo banco creado polo goberno para xestionar eses activos recuperables. Agora sairán ao mercado a través da propiedade que o adquiriu.
O Goberno Municipal da Alternativa en Carral, encabezado por Javier Gestal, presionou insistentemente á Sareb para conseguir sacar adiante esta adxudicación, polo que se mostrou moi satisfeito.
Así revitalizará o mercado da vivenda neste concello e eliminará de varias rúas eses enormes bloques inacabados que causan sensación de abandono na paisaxe urbana. Agárdase que o prezo das vivendas sexa moderado, debido ao gran número delas que sairán ao mercado.
Na rúa Méndez Búa desbloquéanse 128 vivendas; en Víctor Velasco, 94; na Rúa do Castro, 56 e en Rosalía de Castro, 15.