A burocracia de oficina que quere impoñer a Comisión Europea á flota artesanal é unha mostra máis da enorme distancia que existe entre Bruxelas e o mundo real. Esixirlle a un pescador artesán unha chea de apuntamentos sobre o seu “minuto a minuto” a bordo, así como unha espera de 4 horas antes de amarrar a porto, é tan absurdo como sería pedirlle a un bombeiro que vaia apuntando en tempo real todo o que fai na extinción dun incendio.
O traballo a bordo esixe unha atención constante non só ás condicións do mar e a seguridade, senón tamén á pesca en si mesma, pois os peixes non andan a capricho de ninguén. Ademais de supoñer unha ameaza para a economía das pequenas explotacións pesqueiras, implican protocolos de imposible cumprimento.
O alcalde, Ángel García Seoane, acompañado dos concelleiros Rosa Méndez e Pablo Cibeira, acudiron hoxe a unha manifestación para rexeitar esas absurdas normativas a bordo e expresar a solidariedade do pobo de Oleiros cos pescadores de Lorbé, Mera e de toda Galicia.
Alternativa chama tamén a atención do traballo de tanto deputado e gobernante de PP e PSOE como hai nos parlamentos e gobernos español e europeo, que non foron quen de vixiar a promulgación desta normativa e contribuír a que se aplicase o sentido común. Ter tantos representantes políticos que andan a por uvas cando se trata de detectar este tipo de problemas, demostran a súa inutilidade como gobernantes ou parlamentarios.