comision-plan-director

Alternativa Culleredo demanda efectividade da nova Comisión Informativa para estudar o Plan Director de Alvedro

O grupo municipal de Alternativa dos Veciños de Culleredo ven de aprobar co resto de grupos unha proposta para a creación dunha Comisión Informativa para estudar o impacto do Plan Director do Aeroporto de Alvedro sobre o municipio.

Alicia Ferreiro, voceira de Alternativa dos Veciños: “Hai veciñas e veciños afectados. Non pode ser que esta nova Comisión funcione como algunha das que xa están constituídas, onde moitas veces nin asiste o Alcalde cando o ten que facer. Temos que intentar que a Comisión especial naza ben e teña unha finalidade concreta e efectiva”.

A proposta aprobouse por unanimidade de todos os grupos e a nova Comisión terá por obxecto o “seguemento e revisión do Plan Director do Aeroporto”. Tal e como se recolle na lexislación, a duración desta Comisón especial quedará condicionada á aprobación da revisión do citado Plan. A ausencia do Alcalde en moitas outras Comisións fai que Alternativa dos Veciños demande, desde a creación da nova comisión, seriedade, eficacia e traballo real de cara a solucionar os problemas que se poidan derivar das modificacións no Plan.

Alternativa dos Veciños velará por que esta Comisión non se convirta en pura fachada e traballará para garantir os dereitos e o benestar da veciñanza de Culleredo, principal afectada polas modificacións que se recollan no Plan Director do Aeroporto.

Novas relacionadas