juana

Alternativa demanda a liberdade da cooperante Juana Ruiz, detida ilegalmente por Israel

Todos os alcaldes, concelleiros e concelleiras de Alternativa dos Veciños na comarca da Coruña asinaron un manifesto para reclamar a inmediata posta en liberdade de Juana Ruiz Sánchez, cidadá española residente en Palestina que traballa como Coordinadora de Proxectos na organización sanitaria palestina Health World Committees. Juana foi arbitrariamente detida e encarcerada polo Estado Israelí sen que medie ningún cargo concreto contra ela, co argumento de que debe ser interrogada.

Desde Alternativa esíxese tanto a inmediata liberación de Juana Ruiz como do resto das persoas detidas no transcurso desta nova operación de acoso cara á organización HWC. O Estado de Israel está obrigado a respectar o dereito Internacional Humanitario e os Dereitos Humanos da poboación palestina, polo que o Goberno de España debe implicarse e presionar para lograr a liberación de Juana con carácter inmediato.

A pesar do seu carácter humanitario e sanitario, ou quizais precisamente por iso, a HWC está a ser atacada intermitentemente polo Estado de Israel nunha política de represión, desgaste e desmantelamento das organizacións da sociedade civil palestina. É imposible que os proxectos de cooperación financiados en España poidan ter ningún viso delituoso xa que a cooperación española, maioritariamente pública, obriga á realización das actividades previstas e á xustificación completa do financiamento dos diferentes proxectos que se levaron a cabo co noso apoio.

 

Novas relacionadas