Alternativa demanda a inclusión das súas propostas no novo contrato do lixo

Alternativa demandou ao goberno municipal que incorpore ás súas propostas no prego de condicións que se está a redactar para o novo contrato do servizo de recollida e tratamento de residuos do Consorcio As Mariñas.

O grupo lembra que as demandas achegadas nos últimos meses son peticións veciñais e contan co compromiso de actuación por parte do executivo local, polo que considera imprescindible que se vexan reflectidas nesta fase clave do proceso.

Entre as propostas presentadas, Alternativa destaca a instalación de carteis informativos nos contedores para a concienciación dun uso responsable do servizo, a renovación da sinalización vertical deteriorada, así como a revisión da localización de determinados puntos de recollida, especialmente no Temple e en zonas rurais onde algúns espazos están a ser empregados como vertedoiros incontrolados.

Raúl Varela, voceiro do grupo sinala que “Este é o momento de converter as demandas veciñais en solucións reais, se non se inclúen os cambios pertinentes agora os problemas continuarán”.

Ademais, Alternativa subliña que insistirá ao goberno local para que o proceso se acompañe de información clara para a veciñanza, ao tratarse dun servizo esencial e que implica unha importante mobilización de recursos públicos.

Comparte esta nova!