sada-ies

Alternativa de Sada denuncia improvisación e falta de recursos na volta ás clases

Alternativa dos Veciños de Sada demanda á Xunta de Galicia políticas serias, sustentadas con recursos e investimentos, para unha volta á docencia segura. Ante as novas medidas expostas pola Consellería de Educación, redución de distancia física entre os alumnos ou a exixencia de mamparas entre eles, Alternativa dos Veciños denuncia unha situación de total improvisación que imposibilita a adquisición dos novos materiais a curto prazo o que fai que, por exemplo, o curso de secundaria teña que aprazarse ata polo menos unha semana máis da data oficial tal coma xa anunciou a prensa.

Alternativa quere amosar a súa solidariedade cos claustros e coas direccións dos Centros de Ensino que están a vivir unha complicadísima situación ao non poder organizar o curso sen saber con que profesorado, prometido pola Consellería van poder contar e como van afrontar a redución da distancia física entre alumnos co uso dunhas mamparas que tiñan que estar previstas desde hai tempo. Nesa liña, Alternativa esixe que a Consellería afronte as súas competencias en materia de Educación dun xeito responsable dotando coa antelación debida aos Centros de Ensino do material e profesorado necesario para afrontar os cambios nos protocolos redactados por eles mesmos.

Por último, Alternativa quere manifestar que o Concello de Sada está a adoptar medidas que lle corresponden á Xunta a pesar de ter a administración autonómica todas as competencias na materia sobre todo no que se refire á educación secundaria, e que, en todo caso, non é de recibo tentar suplir profesores por mamparas cando xa se sabía antes das vacacións estivais que, ante a pandemia do Covid 19, tiña que aumentarse significativamente o orzamento en educación.

Novas relacionadas