Alternativa, de romaría en Nós

Festa anual na Finca Tenreiro, á que asistiron máis de 1.300 persoas

O presidente de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, agradeceu ás aproximadamente 1.300 persoas asistentes a súa participación na romaría e o seu apoio e confianza, imprescindible para seguir gobernando Oleiros pola senda do progreso e para facer de Alternativa a cuarta forza política de Galicia a nivel municipal, presente neste mandato en 8 municipios.

De todos eles chegou xente, entre a que se confraternizou nun ambiente de máxima cordialidade e convivio, como corresponde ao tempo de verán e ao que debe ser unha romaría en toda regla. Máis aló da política, o principal ingrediente era o humor e o desenfado, capaz de desafiar aos nubeiros que convertiron o día nun momento moi apropiado para gozar de música e viandas.

Persoas que normalmente se encontran en asembleas parroquiais ou nos plenos municipais aparcaron os asuntos públicos e volveron convertir ese frondoso parque Tenreiro no escenario amarelo da Alternativa, seguros de estar fraguando unha fortaleza de entrega ao público, de solidariedade e cariño cos que máis dificultades teñen dentro e fora das nosas fronteiras, e sobre todo unha rotunda aposta pola paz e a sensatez internacional neses momentos tan difíciles para o mundo. Incluso a festa sirveu para lembrar a quen máis sofre e a quen menos ten. 

E iso precisamente nunha contorna que, pese a nacer privada e coas mellores intencións dunha muller xenerosa, a política urbanística da Alternativa conseguiu incorporar á propiedade pública e convertila nun dos parques máis agradables e acolledores do municipio, ademáis dun confortable albergue xuvenil.

Comparte esta nova!