Alternativa de Culleredo esixe o Plan Xeral no pleno
Alternativa dos Veciños de Culleredo solicitará no próximo pleno municipal que se avance cos traballos do documento para proceder a súa tramitación de aprobación provisional e definitiva, unha vez informado o expediente pola Xunta de Galicia.
Son 10 anos dos que nada se sabe do documento, no que tanto as alegacións, como as modificacións que esixiu a Xunta denunciando os excesos de solo urbanizable e demandaba a rebaixa de vivendas no seu conxunto, seguen sen resolverse. O documento do Plan tamén foi informado negativamente polos servizos técnicos e xurídicos do Concello.
As modificacións que tiña que realizar o Concello non foron feitas nin parece que se estean a facer, e o Goberno municipal non dá explicacións sobre a causa. Por iso, Alternativa de Culleredo esixe que se resolvan as anomalías mencionadas e que o pleno poida dar a aprobación ao Plan, tan necesario para a veciñanza de Culleredo.