Alternativa de Culleredo consegue aprobar as beirarrúas da avenida de Alvedro

O pleno aproba acometer a obra en 2025

Alternativa dos Veciños logrou que o Pleno Municipal de Culleredo aprobase unha moción para a reconstrucción das beirarrúas existentes na N-550 ao seu paso polo núcleo de Alvedro, acometendo tamén a humanización da súa contorna.

Para abordar esta obra, o pleno aprobou a instancias de Alternativa que se inclúa nos orzamentos municipais do 2025 ou, no seu defecto, que se financien con cargo aos fondos procedentes dos plans da Deputación da Coruña.

O lugar de Alvedro, situado na parroquia de Almeiras, conta con beirarrúas a ambas marxes da nacional 550 encontrándose nun importante estado de deterioro. Non só iso, se non que tal e como foi acometida a obra para realizar as citadas beirarrúas, as mesmas supoñen un evidente perigo para calquera viandante que transite por elas; xa non digamos para persoas con mobilidade reducida, que literalmente non poden transitar polas mesmas e vense obrigados a dar a volta polo pobo para chegar a determinados lugares.

Esta mesma petición xa foi solicitada por Alternativa dos Veciños no ano 2019, quedando acordado que dita obra se acometería cos fondos Edusi ao longo do ano 2020. A día de hoxe a obra segue pendente, polo que aproveitando que está a piques de comezar o 2025 e que se acaba de rematar a obra da Rúa Liñares, que enlaza precisamente coa Avda de Alvedro, sería o momento propicio de acometer esta obra.

Comparte esta nova!