Alternativa de Cambre solicita á Augas de Galicia maior atención para o río Mero
O grupo municipal Alternativa dos Veciños de Cambre demandou a Augas de Galicia o amaño para facer visibles e accesibles as marxes do río Mero no traxecto do paseo fluvial.
O paseo do Mero leva durante anos sen ter un mantemento como é apropiado. A finais do pasado ano asinouse un convenio para o mantemento do mesmo por parte do Concello de Cambre, e actualmente iniciase a ver algún resultado do mesmo, pero aínda queda moito que facer das promesas electorais feitas polo goberno municipal xa hai uns 6 anos.
O abandono e descoido durante anos pola Administración Autonómica e local impide en moitos tramos tanto o acceso ao río como a súa visibilidade. E o actual convenio non contempla, inicialmente, a actuación nas marxes do río. É por isto que Alternativa de Cambre solicitou a Augas de Galicia a posta en valor desta área.
-Veciños e veciñas levan anos queixándose de que hai zonas do paseo que discorre entre silveiras e maleza que non permiten nin ver o río. Faltan zonas recreativas e poñer en valor a riqueza medioambiental da zona- afirma Raúl Varela, voceiro e concelleiro do grupo municipal en Cambre.