Alternativa de Cambre solicita mobilizar todos os recursos precisos para as persoas en vulnerabilidade
Non é momento de demagoxia nin politiqueo, senón de poñer en acción toda a maquinaria municipal de Cambre para non deixar atrás ás persoas máis desfavorecidas. Aínda que non existe unha directriz única para o apoio domiciliario, é imprescindible que as persoas que teñen certa vulnerabilidade sexan protexidas nesta situación.
Desde Alternativa pensamos que toda iniciativa de colaboración que se poida activar neste aspecto é, e será, precisa nos vindeiros días. Estes mecanismos deben artellarse tendo en conta a protección e seguridade das persoas traballadoras, dando formación e información da nova situación e adaptando os servizos municipais ás novas necesidades que están a xurdir.