Alternativa de Cambre denuncia a degradación e abandono da zona húmida da Gándara
A zona húmida da Gándara, da que o Goberno municipal falaba como un espazo natural e protexido, presenta un grave estado de abandono e degradación. Ademais de numerosas conexións ilegais ao río desde as que se están a verter augas fecais, abundan por toda a zona escombros de obra, residuos e lixo de todo tipo; convertendo este espazo nunha auténtica cloaca.
Varios membros de Alternativa de Cambre comprobaron estes días de primeira man a situación na que se atopa esta zona. O Goberno municipal non presta nin un mínimo de coidado nin vixilancia a esta zona, igual que acontece noutros lugares como a contorna do Río Mero ou do río Brexa.