A Consellería de Medio Rural vén de presentar no Concello unha solicitude para acometer o reacondicionado de dúas edificacións auxiliares na parcela do antigo Laboratorio interprofesional galego do leite (Ligal). O montante económico previsto para as actuacións que se contemplan, reparación de dous galpóns anexos á edificación principal, ascenderá a 28.500 euros (orzamento de execución material).
Alternativa dos Veciños de Bergondo cualifica este primeiro investimento no lugar como irrisorio e ridículo, toda vez que, tal e como se lle ven indicando á Xunta dende hai anos, os traballos prioritarios a realizar terían que pasar polo peche total da parcela, para que non siga sendo obxecto habitual de acceso de curiosos ou delincuentes á mesma e intervir nos pozos e depósitos abertos ou sen tapas que constitúen un auténtico perigo para calquera que se adentre nesa parcela.
A Xunta de Galicia segue, ademais, sen dedicar nin un euro ao edificio principal, completamente vandalizado e desvalixado durante anos, sen que a administración autonómica, propietaria das instalacións, teña movido un só dedo para evitalo.