Alternativa de Arteixo solicita que se poña en marcha unha campaña de promoción do comercio local
Alternativa dos Veciños de Arteixo solicita ao Goberno municipal que poña en marcha unha campaña de promoción do comercio local para axudar a reactivar a economía do concello. As medidas adoptadas polo Goberno central para frear o Covid-19 tamén implicaban o peche dos comercios, que permaneceron pechados durante case dous meses. Isto provocou un forte agravio na economía local que seguramente terá consecuencias a curto e medio prazo. Por iso, é necesario poñer en marcha medidas de dinamización para reactivar a economía y minimizar os efectos.
Esta campaña debe ir dirixida á dinamización do comercio arteixán, ao seu relanzamento tras o peche que a necesidade de frear a propagación do coronavirus lles impuxo, facer un chamamento de apoio de todo Arteixo ao sector, que máis que nunca necesita a nosa implicación e a nosa axuda para que invistamos no noso municipio.
Para levar a cabo estas campañas de dinamización non é necesario facer grandes investimentos, simplemente hai que saber sacarlle rendemento aos medios dos que dispoñemos e, por suposto, contar cos comerciantes para desenvolvelo en coordinación e que sexan efectivas.
Co inicio da fase 1 da desescalada asimétrica, os comercios con superficie inferior a 400 metros xa teñen permitida a súa apertura, aínda que deben cumprir unha serie de medidas para garantir a protección e seguridade tanto dos clientes como dos traballadores.