masc

Alternativa de Arteixo solicita a Sanidade un cribado masivo no municipio

Alternativa dos Veciños de Arteixo solicitoulle a Consellería de Sanidade e a Xerencia de Xestión Integrada da Coruña e Cee, que poñan en marcha un cribado da poboación de Arteixo ante o importante incremento de novos casos diagnosticados.

Atendendo ao importante incremento de casos positivos SARS-CoV-2 no municipio de Arteixo e, tendo en conta que nos datos oficiais achegados polo SERGAS o concello de Arteixo xa supera os 500 novos casos diagnosticados e unha incidencia acumulada que supera os 250 casos por cada 100.000 habitantes, entendemos que para poder localizar aos afectados e reducir a súa incidencia, é imprescindible levar a cabo un cribado masivo da poboación mediante proba PCR.

“Supostamente, o Sergas comunicoulle ao alcalde de Arteixo que están a estudar a posibilidade de facer un cribado en Arteixo. Pero, non entendemos o que hai que estudar e ata onde teñen que incrementar os positivos para que a Xunta e o Sergas actúen con responsabilidade”, apunta Noelia Martínez, voceira de Alternativa dos Veciños en Arteixo.

“Entendemos que os datos son o suficientemente alarmantes como para que se adopten medidas para poder localizar aos afectados e reducir a súa incidencia”, matiza Noelia Martínez.

Novas relacionadas