Alternativa de Arteixo presenta 947 firmas para esixir melloras no servizo de pediatría
Alternativa dos Veciños de Arteixo presentou no rexistro da Consellería de Sanidade as 947 firmas recollidas para esixir melloras no servizo de pediatría nos centros de saúde do municipio e un pediatra para o PAC de Arteixo.
Os recortes e a precariedade imposta no sistema sanitario público de Galicia polo Goberno autonómico, están a provocar graves carencias na atención e na prestación deste servizo público. Nin os nosos nenos e nenas están a librarse das gravísimas carencias de recursos técnicos e sobre todo humanos. No Concello de Arteixo, os centros de saúde de Vilarrodís e Meicende teñen que compartir o servizo de pediatría, deixando sen cubrir o servizo de maneira alterna. Tamén, o PAC de Arteixo segue sen contar con servizo de pediatría, a pesar do notorio aumento da poboación na última década que sitúa o padrón municipal en máis de 33.000 habitantes.
Ante esta situación, Alternativa de Arteixo puxo en marcha unha campaña de recollida de firmas para demandarlle á Xunta de Galicia e ao Sergas servizo de pediatría en horario completo para os tres centros de saúde do Concello de Arteixo e un/ha pediatra para o PAC de Arteixo.
A campaña obtivo unha gran resposta por parte da veciñanza chegando a recoller en pouco tempo case mil firmas.
A representante Local de Alternativa, Noelia Martínez, espera poder reunirse co Xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee nos próximos días para tratar as carencias de persoal na atención primaria do municipio.