Alternativa de Arteixo presenta as sinaturas para a eliminación da alta tensión en Sol y Mar na Xunta e no Concello
Alternativa dos Veciños de Arteixo presentou esta mañá unha solicitude na Xunta e no Concello, acompañada de centos de firmas de veciños e veciñas, para demandar a eliminación das liñas de alta tensión que atravesan a urbanización Sol y Mar e o polideportivo municipal de Galán. Ademais, solicitouse unha reunión coa Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría Traba, para tratar este asunto.
Alternativa dos Veciños leva moitos meses traballando intensamente e demandando ás diferentes administracións que se fagan as xestións necesarias para eliminar as liñas de alta tensión que atravesan a Urbanización Sol y Mar e o Polideportivo Municipal de Galán.
Na Urbanización Sol y Mar son 500 vivendas e máis de 1200 veciños e veciñas que levan sufrindo durante 40 anos a contaminación electromagnética e as radiacións, así como o conseguinte deterioro e a infravaloración dos seus patrimonios.