camiño Barrañán700x400

Alternativa de Arteixo insiste na apertura do Camiño da Costa, en Barrañán

Alternativa dos Veciños de Arteixo volveu solicitar ao goberno municipal que recolla no inventario de bens municipais a continuación do Camiño da Costa que da acceso a praia de Barrañán, xa que un particular se quere apropiar do mesmo para facer negocio.

Actualmente, o particular que se quere apropiar do camiño e privar o acceso aos propietarios das parcelas lindeiras e, tamén privar a todos os cidadáns o acceso polo mesmo á praia de Barrañán, pretende alugar unha parcela da súa propiedade, lindeira ao camiño, e incluír no aluguer o citado camiño.

“Despois de recibir aviso por parte dalgúns veciños, puidemos comprobar nalgún portal inmobiliario como a persoa que pretende apropiarse deste camiño público, que tamén dá acceso a unha parcela da súa propiedade, ten esta parcela en alugueiro e onde tamén inclúe o citado camiño”, apunta Noelia Martínez, voceira de Alternativa dos Veciños en Arteixo.

“Non se pode entender que alguén pretenda apropiarse dun ben público que debería pertencer ao concello de Arteixo e que o goberno municipal mire para outro lado. Unha vez máis, o que está a suceder con este camiño deixa patente o caos urbanístico no que se atopa o municipio de Arteixo. Os diferentes gobernos municipais, algúns con maioría absoluta, foron incapaces de aprobar un plan para ordenar o territorio e agora Arteixo atópase nun caos urbanístico. Mesmo, chegamos a tal punto, onde alguén colle e apodérase dun ben historicamente público para facer negocio e o concello atópase totalmente desamparado e indefenso”, matiza Noelia Martínez.

Novas relacionadas