rbr

Alternativa de Arteixo demanda a limpeza da ría de Barrañán

Alternativa dos Veciños de Arteixo solicitará a Demarcación de Costas e a Augas de Galicia a limpeza da ría de Barrañán, que se atopa invadida pola maleza, desvalorizando o patrimonio natural do municipio.

Alternativa dos Veciños conseguiu, xunto co apoio da veciñanza, que no segundo semestre do pasado ano o Goberno Municipal resolvese o grave problema de verteduras de fecais á ría de Barrañán, que proviñan da rúa Pedra da Area. Tras a denuncia presentada por Alternativa ante Augas de Galicia, este organismo dependente da Xunta de Galicia ordenou ao Concello de Arteixo que procedese a solventar de inmediato as verteduras de fecais á ría de Barrañán.

“Demarcación de Costas, Augas de Galicia e o Concello de Arteixo esnaquizaron no seu momento a ría de Barrañán, permitindo a variación do seu leito. Primeiro atentaron contra este espazo natural e logo deixárono totalmente abandonado ata quedar completamente invadido pola maleza” apunta Juanfran Martínez, coordinador de Alternativa en Arteixo.

“Loitamos intensamente xunto coa veciñanza e conseguimos que se obrigase ao Goberno Municipal a resolver unha parte importante das verteduras de fecais que desembocaban na ría, pero aínda queda moito traballo por facer, e é por iso, que solicitamos que se limpe por completo toda a maleza que existe no leito e ao seu ao redor en todo o seu curso. Se as diferentes administracións non atenden, pois volveremos saír á rúa como xa fixemos con motivo das verteduras de augas residuais á ría” matiza Juanfran Martínez.

Novas relacionadas