Alternativa de Arteixo defende o seu dereito democrático a participar na vida política do municipio
Alternativa dos Veciños é un partido político legal e igual que calquera outro ten o dereito democrático a estar presente en calquera municipio que considere oportuno. A non ser que o alcalde de Arteixo exerza de marqués e teña poderes para impedilo, Alternativa pode facer a política que considere oportuna en Arteixo, igual que fan os demais partidos políticos.
“Aprecio ao alcalde de Arteixo e creo que llo amosei moitas veces, pero confúndese porque ademais de ser alcalde de Oleiros, son o presidente dun partido político que é Alternativa dos Veciños. Confúndese con Alternativa, porque o noso grupo non quere un cacho de Arteixo. Queremos que se respecten os dereitos dos cidadáns e que non se vulneren as leis”, dixo o presidente de Alternativa Ángel García Seoane.
A Alternativa dos Veciños preocúpalle o futuro de Arteixo e as políticas contrarias aos intereses veciñais. Arteixo non ten un plan de urbanismo, e polo tanto falar de futuro neste municipio sen PXOM é unha vergoña, máis cando xa son 3 lexislaturas na corporación con maiorías absolutas para poder aprobalo.