Alternativa de Arteixo convoca unha concentración este sábado para demandar solución ás verteduras na Ría de Barrañán
Alternativa dos Veciños de Arteixo ten convocada unha concentración para este sábado 22 de maio ás 12:00 horas, que se celebrará na estrada provincial DP-0514 á altura do Restaurante Pirixel, para demandar ao Goberno Municipal que poña solución ás verteduras de augas residuais na Ría de Barrañán. Atendendo ás denuncias recibidas por parte de veciños e veciñas da zona de Barrañán e Chamín, hai máis dun mes que Alternativa dos Veciños de Arteixo contratou unha análise microbiolóxica para comunicar a Augas de Galicia a existencia dunha vertedura de augas residuais na Ría de Barrañán. Unha análise microbiolóxico que confirmou a presenza de Enterococos, Coliformes fecales e Escherichia coli.
“Pasou máis dun mes desde que enviamos o informe de laboratorio a Augas de Galicia, pero aínda seguen sen actuar e sen obrigar ao Concello de Arteixo a que poña solución a estas verteduras de augas residuais que teñen contaminada a Ría de Barrañán” , apunta Juanfran Martínez, coordinador de Alternativa dos Veciños en Arteixo.
A ría de Barrañán leva anos desaconsellada ao baño polo alto nivel de fecais.
“Tendo en conta que a Xunta non actúa e non obriga ao concello a que emende este grave problema e, que tampouco o concello escoita as reiteradas peticións para que actúe ao respecto, non queda outra solución que saír á rúa para ver se desta forma se lles cae a cara de vergoña e fan algo. O actual equipo de goberno está instalado no deixamento e o pasotismo, só atenden os seus intereses persoais e partidistas”, matiza Juanfran Martínez.