Alternativa de Culleredo critica a demagoxia do alcalde
“O alcalde pretende darlle un complemento de produtividade aos funcionarios do Concello de Culleredo, malia que non hai moito dicía que había que aforrar para políticas socias. Non poñemos en dúbida a profesionalidade dos empregados públicos do Concello, pero non se pode dicir que se aforra en gasto de luces de nadal –co que estamos de acordo-, para despois tomar esta medida, mentres os autónomos e as pemes están esperando as axudas que proveñen da Deputación”, dixo o voceiro de Alternativa en Culleredo Eduardo Mourelle.
Incomprensiblemente, 9 meses despois do inicio da pandemia, os veciños e veciñas de Culleredo están véndose obrigados a solicitar cita previa para entrar na Casa do Concello. Non está permitido o paso para facer ningunha xestión cando noutras administracións trámites diarios como certificados, solicitudes de licenza, empadroamentos… si son atendidos de xeito presencial e ao momento. O sistema de acceso imposto polo Concello de Culleredo aseméllase máis a un control policial que a un servizo público para a cidadanía.