ALTERNATIVA_CULLEREDO2_ copia

Alternativa dos Veciños quere levar a cabo unha auditoría completa das contas do Concello de Culleredo

Alternativa dos Veciños leva entre as súas propostas de Goberno unha auditoría das contas do Concello para coñecer ata que punto o actual equipo de Goberno está a inverter os cartos de xeito correcto.

En Culleredo existe un grave problema coa contratación pública. Hai un gasto esaxerado e un descontrol económico que levamos denunciando xa un tempo. Os contratos dos grandes servizos como a limpeza viaria, a auga e axuda a domicilio están sen facer porque, segundo nos respondeu o Goberno en sesión plenaria, “sae máis barato”. Tan barato como pagar 3.000 euros ao mes por un servizo de conserxería que está sen contratar, cando sabemos que o conserxe non cobra esa cantidade. Onde están os cartos? Non se sabe. Como é coñecido denunciamos hai unhas semanas esta situación ante a fiscalía e se entramos no Goberno levaremos a cabo unha auditoría completa das contas do Concello de Culleredo.

Plan Xeral de urbanismo

O Plan Xeral é outra das nosas grandes prioridades. Levamos catro anos insistindo en que se contesten ás numerosas alegacións presentadas e que haxa unha nova exposición pública. Por que unha nova exposición? Porque o Plan que se expuxo inicialmente non ten nada que ver co que agora se quixo aprobar. O Goberno cambiouno de portas para dentro, tal e como reflicten os informes dos servizos técnicos do Concello.

O PXOM non pode ser unha carta branca para contentar os intereses particulares duns poucos. É unha garantía para ter un municipio ordenado, para que as veciñas e veciños saiban cal é o seu terreo e se teña en conta o interese xeral.

Desde Alternativa dos Veciños seguiremos a traballar, sexan cales sexan os resultados este domingo, para que a xente de Culleredo teña un Concello máis transparente, máis xusto e máis honesto con ela.

Mitin Central no Burgo xoves ás 20 horas

Como xa informamos, este xoves 23 de maio temos o noso mitin central no Burgo, na Praza de Galicia, ás 20 horas. Intervirán Alicia Ferreiro, candidata á alcaldía e Ángel García Seoane, presidente de Alternativa dos Veciños.

Peche de campaña en Vilaboa ás 20:30 horas do venres

O peche de campaña de Alternativa dos Veciños Culleredo celebrarase este venres día 24 de maio ás 20:30 na Praza da Igrexa de Vilaboa.

Novas relacionadas