Alternativa chama a participar na protesta polo novo trazado ferroviario en Cortiñán

Alternativa anima a participar na manifestación convocada o vindeiro martes 28 de octubre, ás 12.00 horas, na DP-0105, preto do hotel Luso, baixo o lema“Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila.”

A mobilización responde á total disconformidade polo proxecto do ramal de conexión entre as liñas de ancho ibérico León–A Coruña e Betanzos Infesta–Ferrol, promovido polo Ministerio de Transportes. A proposta, ademais da supresión do baipás de Infesta, provocaría un impacto significativo sobre o territorio, o urbanismo e a calidade de vida da veciñanza de Cortiñán.

O trazado proxectado afectaría directamente a Cortiñán no que a zona de servidume do ferrocaril mutilaría o urbanismo dunha área xa urbanizada e restrinxindo futuras construcións. Hipotecaríase esta zona polo aforro de 6 minutos de traxecto nunha viaxe de 1h e 15 minutos, cando por estrada leva 30 minutos.

Dende o goberno local defenden que non ten sentido actuar nun tramo puntual, sen unha planificación que carece de visión global do trazado, e baseándose nun estudo técnico de 2006, totalmente desfasado respecto da realidade actual. A infraestrutura xeral mantén a estrutura de inicios do século pasado, moi lonxe dos estándares actuais.

Por estes motivos o goberno local presentou un recurso formal e defende unha alternativa denominada “Alternativa 5s” que propón afastar o trazado da zona urbana e orientalo cara a unha área industrial (afectándoa minimamente). Esta opción reduciría o número de viadutos e expropiacións necesarias. Minimizando así o impacto económico e tamén os prexuízos para a veciñanza de Cortiñán.

Comparte esta nova!