Alternativa de Arteixo solicita unha limpeza de choque para sanear o municipio
Alternativa dos Veciños de Arteixo solicita ao Goberno municipal que poña en marcha unha limpeza de choque para sanear o municipio. Todas as parroquias atópanse nun estado lamentable como consecuencia dun total abandono por parte do concello.
A maleza segue o seu camiño e xa invade as rúas, as beirarrúas, os parques, as papeleiras, os contedores, as marquesiñas e mesmo as casas. Nalgunhas zonas onde se están a realizar traballos de roza, xa non se sabe se é mellor como estaba ou como o deixan. Unhas rozas onde os restos triturados non son retirados e que quedan no medio da estrada ata que o vento e a choiva os arrastra. Un verdadeiro desastre.
Por iso, esiximos ao Concello que poña en marcha de inmediato unha limpeza de choque para sanear o municipio. De non ser así nun breve período de tempo a maleza e as ratas estarán dentro das casas.