Alternativa aproba unha moción para que Fomento amplíe aparcamentos en Guísamo
Ante as peticións recibidas por parte de numerosos comerciantes de Guísamo, Alternativa dos Veciños de Bergondo presentou no pleno municipal unha moción para instar ao Ministerio de Fomento a que estude a viabilidade de levar a cabo diversas actuacións de mellora na N-VI, ao seu paso por Guísamo. Todos os grupos da corporación votaron a favor desta proposta de Alternativa.
A construción dunha glorieta á altura do almacén de froita “Eurofruit” posibilitaría articular o tráfico de Guísamo entre esa rotonda e a xa prevista para a intersección coa estrada de Cambre. Con ese circuíto de glorietas poderíanse suprimir tanto a incorporación como a saída de San Paio, ademais de toda a illeta central pintada neste tramo de estrada. Do mesmo modo suprimiríanse viraxes á esquerda -xa a día de hoxe desaconsellables- e limitaríase a velocidade de tránsito polo núcleo central de Guísamo de xeito eficaz. Como consecuencia de todo iso poderíase gañar moito espazo para novo aparcamento nesas beiravías, notablemente ampliadas.