votacion-orzamentos

Alternativa apoia a aprobación dos orzamentos da Deputación da Coruña para 2019

Ángel García Seoane: “Aternativa dos Veciños aproba estes orzamentos porque chegou a esta institución para facilitar a xestión, non para bloquear. Pero é importante sinalar que hai partidas como a conservación das infraestruturas provinciais que precisan dunha maior achega. Non podemos actuar nas estradas a posteriori, temos que traballar pola seguridade dos milleiros de persoas que diariamente as utilizan”.

O Pleno da Deputación da Coruña aproba os orzamentos provinciais para o ano 2019 co apoio de Alternativa dos Veciños, Compostela Aberta, Marea Atlántica e os grupos de Goberno (PSOE e BNG) e o voto en contra do Partido Popular.

Neste senso, Ángel García Seoane, voceiro do grupo provincial de Alternativa dos Veciños, quixo remarcar que o apoio de Alternativa non era unha carta branca. Na súa intervención argumentou o compromiso que leva tendo o grupo nesta lexislatura coa gobernabilidade da Deputación a través do diálogo, pero sinalou a necesidade de  ampliar as achegas en algunhas partidas cuxo aumento a respecto do exercicio anterior é practicamente inexistente: “Non pode ser que se contraten as obras cando suceden desgrazas. É imprescindible que se aumente o investimento na conservación e mellora da rede de estradas provinciais. Hai que celebrar o aumento de partidas como a promoción económica e o fomento do emprego, pero seguimos a ter un investimento insuficiente na rede viaria”.

Novas relacionadas