Alternativa critica duramente a decisión do goberno local lembrando que o primeiro é poñerse na pel do persoal, que está a pedir o que lle corresponde.
Dende o grupo destacan que o cadro de persoal municipal leva 20 anos agardando unha actualización das súas condicións laborais, que desde o 2022 non perciben as axudas sociais e que hai dous anos que non se realizan os recoñecementos médicos, entre outras carencias. A esta situación engádese a desmoralización total e crispación crecente derivada da pésima xestión realizada nos últimos 10 anos por parte do goberno de Unión por Cambre.
A alcaldesa, Diana Piñeiro, relata no comunicado os pasos dados desde a súa chegada ao goberno, as diferentes reunións mantidas e o estado actual da negociación. Indicou que as axudas sociais do 2022 están asinadas por providencia e as correspondentes a 2023 e 2024 se incorporarán nas próximas comisións. Pero a pesar disto o pasado 30 de setembro, os representantes sindicais organizaron unha nova mobilización, que motivou o comunicado.
Raúl Varela, voceiro de Alternativa, fai un chamamento “ á responsabilidade e a conciliación entre ambas partes, confiando en que o diálogo e o respecto permitan retomar canto antes as negociacións e avanzar cara acordos que melloren as condicións laborais do persoal municipal e por tanto garantir un mellor funcionamento do concello“