Arteixo, 28 de setembro de 2021.- Alternativa dos Veciños de Arteixo apoia ao veciño que foi denunciado polo enxeñeiro da empresa adxudicataria da obra de construción dun muro de contención en Santaia de Arriba en Chamín, xa que o único delito que cometeron os veciños de Santaia de Arriba é o de defender os seus dereitos e non permitir que a empresa adxudicataria accedese ás súas propiedades ilegalmente.
A incapacidade de xestión do Goberno Municipal é tal, que mesmo chega a provocar que os veciños teñan que pasar polo xulgado por defender os seus dereitos e non permitir as falcatruadas que pretende desenvolver o actual equipo de goberno.
“Parécenos incrible que un veciño sexa denunciado e teña que acudir ao xulgado por defender os seus dereitos e non permitir que no desenvolvemento dunha obra se accedese ilegalmente ás propiedades dos veciños. Por certo, unha obra onde no proxecto non se contemplou a existencia dun aproveitamento do Rego da Ranqueira que se vería afectado polo desenvolvemento da mesma. Un rego que non se contempla no proxecto desta obra, pero que no ano 2014 este mesmo Goberno Municipal cambiou o cauce do mesmo para executar outra obra“ apunta Juanfran Martínez, coordinador de Alternativa en Arteixo.
“Tamén nos parece incrible que o señor alcalde diga nun pleno municipal, referíndose a esta obra e aos veciños de Santaia de Chamín, que non vai aceptar máis chantaxes por parte destes veciños. Entón, este Goberno Municipal aceptou ou acepta chantaxes? Ou para este Goberno é unha chantaxe que un veciño defenda os seus dereitos e os intereses do municipio? O señor alcalde, Carlos Calvelo, debe explicar con urxencia cales son esas chantaxes que el mesmo recoñeceu publicamente durante o desenvolvemento do pleno ordinario de xuño” matiza Juanfran Martínez.