Algo cheira a podre na auga das Encrobas

Un caso habitual: funcionarios públicos ben situados que ven negocios enerxéticos e practican o "yo me lo guiso, yo me lo como"

Un lugar do Concello de Cerceda que nos anos 70 do pasado século foi escenario de encarnizadas loitas pola instalación dunha mina de carbón, volve a poñerse de actualidade. O foxo que deixou a mina converteuse —igual que o das Pontes— nunha lagoa que se foi renaturalizando creando un ecosistema do que se aproveitan a natureza, a paisaxe e o lecer. Pero As Encrobas volve a saltar á axenda mediática porque uns cantos funcionarios da Xunta do PP queren facer un negocio nauseabundo: bombear auga máis arriba e deixala caer ata Meirama para xerar enerxía e vendela como renovable.

Sería cun sistema de tubos semellante ao que perturba a paisaxe na fervenza do Ézaro, en Dumbría, pero mentres aquela central se aproveita da caída natural da auga, aquí hai que impulsala con grandes motores que a suban ata preto do Monte Xalo. Técnicamente o sistema denomínase “central hidroeléctrica de bombeo reversible”, na que a actual lagoa sería o depósito inferior.

O proxecto, presentado por Conventina Renovables, foi declarado pola Xunta como “estratéxico”, o que supón relaxar todos os elementos de control e pasar por enriba da vontade das comunidades de proximidade. Os terreos, por exemplo, poderán ser expropiados con gran facilidade polos promotores. O investimento inicialmente previsto para toda a operación achégase aos 350 millóns de euros.

Pero de renovable terá pouco xa que para bombear a auga da lagoa e deixala caer de novo ata a central de xeración hai que empregar outra enerxía que pode ser ou non renovable. Todo iso nun país como o noso, absolutamente excedentario en produción de enerxía limpa, tanto hidráulica coma eólica.

O que se agocha tras esta operación é un negocio especulativo de empresas propiedade de altos funcionarios da Xunta para xerar unha produción ficticia e participar tanto en subvencións públicas coma en todo o produtivo proceso de posta en funcionamento.

Pero non queda aí a cousa. O mega proxecto implica seis anos de obras de alta intensidade. “Serían seis anos de ruído, pó e tráfico de grandes vehículos, con perforacións e movementos de terra constantes” —manifesta a Asociación Encrobas Viva a O Salto Diario— “É a principal molestia para unha poboación tan envellecida como a nosa”.

Resultan indignantes eses brindes ao sol que teñen este tipo de mega proxectos, coma o de Altri que parece que se desdebuxa alomenos mentres o goberno central non cae en mans da dereita: sempre presentan os plans baixo a etiqueta “eco”, “sustentable” e ambientalmente impoluto, compatible co uso da lagoa para o lecer e a vida natural, extremos que a calquera lle resultan incribles.

Segundo datos xa publicados, o xefe do servizo territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Centro, que asina a concesión, é fóra do seu traballo como funcionario, un negociante con intereses no sector enerxético, que hai pouco tempo comprou unha empresa… que pertencía precisamente a quen? Pois si: a Coventina, a promotora deste proxecto.

O presidente da Alternativa, Ángel García Seoane, manifestou o apoio a esta nova loita ambiental tan cuestionada pola cidadanía.

Comparte esta nova!