Alcaldes presionan á Xunta para mellorar o transporte público

Os concellos non están dispostos a sufragar un servizo tan deficiente

Mellorar o transporte público metropolitano é o obxectivo da reunión de alcaldes e alcaldesas que tivo lugar recentemente e na que participaron edís de Cambre, Carral, Culleredo, Sada, Bergondo e Oleiros.

En poucos días remata a vixencia dos convenios en vigor entre concellos e Xunta sobre o prezo dos billetes, segundo o que os municipios asumen o 20% dos importes.

En principo, os representantes municipais son da opinión de non prorrogar o acordo tarifario debido á escasa calidade do servizo, polo que resulta necesario celebrar unha reunión entre Xunta, municipios e empresas concesionarias.

Para obter un mínimo de calidade na prestación do servizo resultan imprescindibles os seguintes cambios:

  • Permitir a prolongación de liñas urbanas da Coruña cara a concellos limítrofes, algo que a Xunta boicotea na actualidade
  • Incrementar a frecuencia nas rutas saturadas
  • Mellorar as liñas a centros atractores da mobilidade, como universidade, centros sanitarios e polígonos industriais

As melloras que se piden estaban implícitas hai vinte anos, cando a Xunta solicitou a colaboración dos concellos na política tarifaria. Entón xa tiñan como contrapartida desa colaboración o incremento dos servizos, pero non se produciu.

A comisión de seguimento do convenio polo que os Concellos aportan o 20% do custo, tiña que reunirse duas veces cada ano, pero hai xa 4 anos que non se convoca.

Comparte esta nova!