O alcalde solicita a Costas a rexeneración da praia do Porto de Santa Cruz e o arranxo do Xunqueiro
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, mantivo unha reunión telemática co subdirector xeral para a Protección do Mar, Ángel Muñoz Cubillo, para solicitar que desde o Ministerio se realice a rexeneración da praia do Porto de Santa Cruz que precisa dunha achega de area entre a pasarela de acceso ao castelo e o porto. Muñoz Cubillo comprometeuse a estudar o posible proxecto necesario para intentar realizar esta importante actuación que non só melloraría a actual praia senón que ademais evitaría os continuos danos que sofre a estrutura do paseo marítimo ante a actual desprotección á que está sometido.
Ademais deste asunto, o alcalde expuxo a grave situación que se está a vivir no Xunqueiro, en Mera, que foi comunicada á Fiscalía e que requiriría dun mínimo investimento por parte de Costas. Neste caso, o subdirector xeral tamén se comprometeu a estudar a problemática existente dado que é unha competencia da súa titularidade que precisa dunha actuación urxente para evitar novos desprendementos que poidan afectar á estrada.