LORBE

Adxudicadas as obras de beirarrúas en Lorbé e no centro de Arillo

O Concello de Oleiros adxudicou dúas novas obras para mellorar a seguridade viaria no municipio por máis de medio millón de euros. A construción de beirarrúas en Lorbé terá un custo de 374.027,94 euros e as do centro de Arillo supoñen 132.614,79 euros.

A obra de Lorbé comprende o tramo de estrada que vai desde a Casa do pobo ata o linde con Sada. Malia á negativa da Xunta a asumir as súas competencias e realizar esta obra nunha estrada da súa titularidade, o Concello decidiu actuar por conta propia para dotar de seguridade os veciños e veciñas desta zona. Inicialmente, e grazas á colaboración dos propietarios lindeiros coa estrada, o Goberno municipal chegou a acordo de cesión gratuíta para dispoñer do solo necesario para facer a obra. Despois, ante a pasividade da Xunta, o Concello decidiu realizar directamente esta obra.

No caso de Arillo continuarase o paseo e carril bici por dentro do Pazo que se atopa no centro desta localidade. O muro exterior do pazo e as árbores existentes vanse respectar. Construirase un novo muro interior para delimitar a propiedade e será demolida a edificación que hai na esquina.

Novas relacionadas