Adiante os 4 últimos km da Costa Libre de Oleiros

O espazo necesario para completar a senda litoral entre Naval e Canide xa é de propiedade pública

O Concello de Oleiros, baixo o impulso do Goberno de Alternativa dos Veciños, deu un paso definitivo para completar o gran proxecto de facer transitable todo o litoral do municipio. Esta semana procedeuse á toma de posesión de 29.631 metros cadrados de terreo na franxa costeira que discorre entre a praia de Naval e Canide, na parroquia de Dorneda.

Esta operación supuxo a adquisición dun total de 61 parcelas, clasificadas como solo rústico, polas que o Concello abonou 270.000 euros. Grazas a esta xestión, o que ata agora eran propiedades privadas pechadas ao uso común, pasan a ser patrimonio de toda a cidadanía.

Un investimento dun millón de euros para este 2026

As obras de construción do novo paseo darán comezo este mesmo ano. Cun orzamento que supera o millón de euros, o proxecto contempla un itinerario ciclopeonil de 2,5 quilómetros de lonxitude. Este novo tramo permitirá unir de forma continua Santa Cruz e Mera a través de todo o litoral, consolidando unha senda verde sen interrupcións por terreos de titularidade pública.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, destacou a importancia estratéxica desta actuación: “É unha zona preciosa, cunha paisaxe fermosísima. Unha nova realidade, un novo paseo que se vai abordar por parte do Concello integramente, co que se lle dá continuidade aos tramos xa existentes tanto cara Mera como cara a Santa Cruz”.

Con esta intervención, Alternativa dos Veciños culmina unha política histórica de recuperación do litoral, garantindo que a costa de Oleiros sexa un espazo libre, camiñable e para o goce de todos os veciños e veciñas, protexéndoa da especulación e garantindo o acceso público á paisaxe.

Comparte esta nova!