A lectura é moito máis ca un hábito: é unha ferramenta fundamental para aprender, comprender o mundo e desenvolver o pensamento crítico. Por iso, desde Alternativa dos Veciños consideramos especialmente importante achegar os nenos e nenas aos libros desde idades temperás, favorecendo que medren como persoas abertas, curiosas e con capacidade para pensar por si mesmas.
Entre outubro e decembro, as sete bibliotecas municipais acollerán 49 actividades dentro dos programas “A hora do conto” e “Ler conta moito”, con contacontos, obradoiros e propostas creativas adaptadas ás diferentes idades. A través destas iniciativas, as crianzas aprenden e divírtense ao mesmo tempo, compartindo experiencias con outros nenos e nenas da súa idade e desenvolvendo a súa imaxinación, creatividade e capacidade para relacionarse.
Investir na cultura e na educación desde a infancia é apostar polas xeracións do futuro: persoas con curiosidade, criterio propio e interese por coñecer e comprender aquilo que as rodea. E é que fomentar o hábito de ler, aprender e informarse comeza tamén con actividades sinxelas e lúdicas como estas, que converten as bibliotecas en espazos de encontro, aprendizaxe e diversión para os máis pequenos.