“Grazas ao traballo dos alfareiros, as casas funcionaron durante miles de anos”, unha frase do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, pronunciada no acto de inauguración de Alfaroleiros, resume perfectamente o sentido desta feira que cumpre 30 anos: servir de homenaxe a esta actividade que tanto aportou á cultura popular e á etnografía.
O acto foi aberto pola concelleira de cultura, María José Santos, que fixo un detallado repaso histórico sobre a feira e agradeceu a todos os participantes o seu compromiso con esta cita sobre a cultura popular da península.
O vicepresidente da Deputación da Coruña —organismo que subvenciona a feira—, Xosé Regueira, dixo que apoiar feiras como Alfaroleiros debía ser unha obriga, e non unha opción, pois é unha feira única que recupera unha parte importante da tradición oleira ibérica: “Alfaroleiros significa tradición, herdanza, historia, economía, dimanización comercial e hosteleira e proxección de marca, polo que resulta un produto turístico xenuino, singular, que proporciona experiencias únicas de calidade arredor dun produto artesán tan interesante como o barro”.
García Seoane declarou o evento inaugurado tras laiarse da falta de apoio da Xunta de Galicia, que este ano non subvencionou feiras artesáns que non tivesen a maioría de produto galego, menosprezando así o espírito e a tradición desta feira única, considerada a máis importante do estado dedicada monográficamente a esta realidade etnográfica que aínda persiste en moitos alfares do país.
Tamén citou a unha entidade bancaria que viña apoiando a feira económicamente, pero que este ano “respondeu á nosa solicitude ofrecendo únicamente 900 euros”, co que rexeitamos unha axuda tan ridícula para un evento de tanta trascendencia: “Oleiros non pode rebaixarse a ese trato denigrante dun banco que vive de tantos dos nosos conveciños”.