O parque público no que quedou convertida a Finca Tenreiro xa pode ser visitado e utilizado como itinerario ciclopeonil alternativo para achegarse ao colexio Juana de Vega en Nós. Estará aberto cada día entre as 8,30 e as 21 horas, pero de noite permanecerá pechado para preservar a súa integridade.
A finca alberga un xardín histórico de gran valía ornamental, mostra dos gustos da burguesía coruñesa de finais do século XIX, cando foi creado pola familia Tenreiro. No seu interior inaugurouse recentemente o albergue municipal Esperanza Tenreiro, que se dedicará maiormente a acoller campamentos urbanos. Trátase do vixésimo segundo edificio restaurado polo Concello para darlle unha nova vida adaptada ás necesidades actuais da veciñanza.
O parque constitúe unha antiga propiedade duns 11.000 m2 que foi adquirida polo Concello para rescatala do esquecemento e a ruina, ao tempo de cumprir os desexos da súa antiga dona, que quixo deixalo para albergar fillas e fillos de nais solteiras. Hoxe non existe esa necesidade —noutros tempos ser fillos de nais solteiras constituía un estigma social— polo que se adaptou a unha necesidade real para as nenas e nenos de hoxe.
A parroquia de Nós goza así dun novo espazo verde de gran riqueza arbórea, que se une á Finca da Carballeira, o campo da festa, a praza da Liberdade e o futuro itinerario ciclopeonil do río de San Pedro, un parque lineal que comunica O Seixal con Arenaza, en Iñás.