A Xunta suprime 30 servizos de autobús en Oleiros pola porta de atrás

Reorganiza o servizo sen información previa, menos frecuencias, retrasos e un caos xeralizado

As aparentes boas noticias que se tiñan producido recentemente coa ampliación ata Lorbé dos servizos de autobuses que remataban en Mera, tal como reclamou a Alternativa dos Veciños a través do Concello de Oleiros, trouxeron consigo un considerable empioramento do transporte público.

A ampliación da liña tivo como contrapunto a supresión de 30 servizos de autobús que o Transporte Metropolitano da Xunta prestaba desde Sada, que tamén daba servizo ao territorio de Oleiros.

A Xunta tiña anunciado a ampliación dos itinerarios desde Mera a Lorbé, sen informar sobre a supresión das liñas entre Sada e Entrexardíns, que tamén servía para os traslados de numerosas persoas de Oleiros. 

As persoas usuarias que se dirixen ao municipio veciño, ademáis, teñen que facer transbordo, oque ocasiona un enorme enfado polos cambios sen anunciar previamente. 

Ademáis, ao empregarse algúns autobuses de 30 prazas, claramente insuficientes, circulaban ateigados de público, provocando considerables demoras nos tempos de viaxe previstos.

A ausencia de información previa indignou moitas persoas que se atoparon da noite para a mañá cun servizo pior, tanto en frecuencias, como en horarios e improvisacións. 

Estes devaneos inxustificados do transporte público metropolitano van contracorrente á apremiante e necesaria mellora dun servizo que debería estar contribuindo ao aforro enerxético e a mitigar o excesivo uso do automóbil privado.

Comparte esta nova!