Como en moitas outras ocasións, a Xunta segue sen acertar na organización do transporte público do municipio de Oleiros, situación que provoca múltiples protestas da veciñanza e Xera un clima de exasperación entre moitas persoas.
Desde que en xuño a Xunta cambiou o servizo, os problemas non cesan: “Son moitas as persoas usuarias que seguen a dirixirse ao Concello queixándose de retrasos e de autobuses saturados, deixando en ocasións a persoas nas paradas sen poder montar”, dí nunha carta á Directora Xeral de Transportes o Concelleiro de Mobilidade, Pablo Cibeira.
Ante o inminente inicio do curso escolar, a primeira hora da mañá, cando existe unha alta demanda de desprazamentos dirección á Coruña e o tráfico é máis denso, as localidades de Lorbé, Dexo, Mera e parte de Dorneda, en total máis de 5.000 habitantes, dispoñen dun único servizo entre as 7 e as 8:30 horas.
O Concello demanda novamente o incremento de frecuencias nas horas punta, recuperar todos os servizos eliminados desde o 22 de Xuño e unha correcta redistribución horaria.