Os graves problemas que leva denunciando o Concello de Oleiros en relación ao pésimo servizo de transporte público que presta a Xunta de Galicia non se circunscriben unicamente ás liñas que circulan polo eixe costeiro (Perillo-Santa Cruz-Dorneda-Mera-Dexo).
No caso do interior do municipio, están especialmente abandonadas as parroquias de Iñás e San Pedro de Nós, nas que ademais de dispoñer de escasas frecuencias tamén están a sufrir saturación de pasaxeiros na liña que finaliza no Seixal, que circula ateigada habitualmente en horas punta.
A Xunta de Galicia está obrigada a ofrecer un servizo digno e acorde ás necesidades da cidadanía dun concello de 40.000 habitantes. Durante os últimos meses, e ante os numerosos problemas existentes, o Goberno autonómico está a demostrar unha incapacidade total de subsanar as deficiencias existentes, agravando os problemas e creando numerosos impedimentos ás persoas que precisan do transporte público para desprazarse.
É necesario un servizo de autobuses que realmente permita reducir o uso do vehículo privado, contribuíndo así a mellorar a circulación e o medio ambiente. Nos concellos de menos de 50.000 habitantes a Xunta de Galicia ten as competencias exclusivas en materia de transporte público.