Un dato publicado estes días nalgúns medios de comunicación de que hai 101 nenos/as en lista de agarda para as escolas infantís non é correcto. A cifra real é de 31 nenos/as de Oleiros en listaxe de agarda, sumando as 4 escolas existindo prazas libres no nivel 2-3.
O Concello está a demandar continuamente á Xunta de Galicia diversas melloras nas escolas, que por parte da Xunta sempre se negaron e negan a asumir. A despreocupación dos responsables autonómicos é tal, que nunca se desprazaron a coñecer as escolas intantiles de Oleiros, nin sequera se dignaron a desprazarse a revisar as obras, de Galeras e a reforma integral que acaba de facer o Concello da Escola Infantil da Pardela, nos Regos, na que o Concello investiu máis de medio millón de euros.
Todos os centros foron construídos polo Concello
Oleiros foi un municipio precursor na creación de escolas infantís públicas. Dada a preocupación que sempre tivo o Goberno local por contar cunha educación pública de calidade e para facilitar a conciliación familiar, malia que as competencias no ámbito do ensino son exclusivas das comunidades autónomas, o Concello logrou o solo necesario e construíu os centros da Pardela (en 1994, por 30.182.224 pesetas), As Galeras (en 2002, por 51.495.544 pesetas), A Canteira (en 2005, por 797.785 euros) e conseguiu facerse co edificio da Casa Labarta en Mera para habilitalo como escola (en 2006, por 192.000 euros). O Concello asumiu integramente a xestión ata 2008, cando se lle traspasou á Xunta para que cumprise coas súas obrigas.
Froito dese esforzo municipal no eido da educación, a día de hoxe os pais e nais de Oleiros dispoñen de 317 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Cada praza ten un custo por curso de 4.500 euros, dos que o Concello financia 1.500 euros.