A Xunta, obrigada a declarar Alfaroleiros Festa de Interese Turística

Unha feira única nunha contorna única, chea de estímulos para o verán galego e con 30 anos de historia

O Goberno de Alternativa dos Veciños vai aprobar no próximo pleno do Concello de Oleiros a solicitude necesaria para que a Xunta poida declarar Alfaroelrios Festa de Interese Turístico. Esta feira, con xa 30 anos de historia, é un evento cultural de grande relevancia para o conxunto de Galicia.

Ao longo destes 30 anos, Alfaroleiros converteuse nunha cita obrigada tanto para os amantes da olería como para o público en xeral. A súa singularidade, a súa fidelidade á tradición, a súa coidada posta en escena, o seu importante arraigo na poboación local e o seu alto valor cultural fan desta feira un dos fitos máis importantes do verán en Galicia.

A realización deste evento ao aire libre, nun espazo accesible para todo o público e nun entorno cunha estética coidada, no parque Luís Seoane e con vistas ao mar e á illa do Castelo de Santa Cruz fano realmente único. Ademais, a calidade das actividades paralelas, as infraestruturas e equipamentos dos que dispón a localidade de Santa Cruz e o conxunto do Concello de Oleiros para a feira son un forte atractivo engadido á propia exposición e venda de pezas.

Comparte esta nova!