As políticas de vivenda que poñen en práctica dos dous grandes partidos fan auga por todas partes. Se o Goberno Central non é quen de poñer límite aos estratosféricos prezos dos alugueres nun mercado cada vez máis trufado de poderosas empresas intermediarias ou propietarias, a Xunta elimina agora a posibilidade de que as persoas que se organizan en cooperativas para construir a súa vivenda poidan recibir axuda autonómica.
A Xunta fixo públicas as condicións para acceder a unha subvención para a adquisición da vivenda. Unhas axudas que non inclúen as cooperativas, que é a fórmula utilizada polo Concello de Oleiros para promover a vivenda a prezos razonables. Ademáis, a Xunta non concederá as axudas ata o remate da obra. Son medidas que apostan claramente pola intervención de promotoras privadas no negocio inmobiliario, intermediarios que se eliminan cando se opta polo sistema cooperativista.
O Concello de Oleiros reclama que os cartos se entreguen no momento de afrontar o pago inicial da entrada das vivendas, que é cando realmente máis se necesita, e que se inclúan todas as vivendas protexidas, tamén cooperativas como as que promove o Concello de Oleiros.
“A Xunta debe modificar as súas subvencións á adquisición de vivenda se realmente quere que os cidadáns poidan comprar pisos. Fan falta axudas reais e non publicidade de cara á galería. Son moitas as persoas que non poden participar en iniciativas como a que fixemos nós de promover cooperativas de vivenda dado que non dispoñen dos cartos para o pago inicial do 20% da vivenda”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.