A Xunta vai ter que responder á demanda de Oleiros sobre a planta de residuos do porto de Oza, xa que os intentos do goberno autonómico por impedir que o Concello de Oleiros se interesase por esa actividade impropia dun porto pesqueiro acaban de ser tumbados polo Tribunal Supremo.
Oleiros está perfectamente capacitado para solicitar á Xunta que se posicione sobre a planta de tratamento de aceites e hidrocarburos de Oza, polo que a Xunta terá que pagar as costas xudiciais do proceso e sobre todo responder á demanda municipal que sempre tratou de esquivar.
Oleiros —segundo unha nota feita pública polo Concello— “pedía anular a autorización ambiental integrada outorgada a LIMPOIL, por ser contraria a dereito, alegando que a localización inadecuada (en plena ría, próxima a praias e zonas de interese ambiental e pesqueiro), existencia de deficiencias na avaliación ambiental (simplificada e sen informes suficientes), carencia de protocolos de seguridade, medidas preventivas e xestión de augas residuais, e falta de rigor na análise dos efectos socioeconómicos e ambientais”.
Xa en 2002 Oleiros denunciara á mesma empresa ante os tribunais, porque os vertidos que recollía nas augas do porto (restos de aceite, combustibles etc) eran derramados posteriormente nunha nave situada en Icaria, a través da rede de sumidoiros municipal.
A planta é incompatible coas actividades portuarias de Oza, especializadas na actividade pesqueira. Un peirao na área de influencia de praias importantes como Oza e Santa Cristina e nas proximidades da ría do Burgo, recentemente rexenerada. Non é lugar para unha planta ilegal con alto potencial contaminante.