O alcalde de Carral, Javier Gestal, demandou en diversas ocasións á Xunta de Galicia a renovación da depuradora do Quenllo, que dá servizo a todo o municipio e é unha infraestrutura sanitaria de primeira orde.
Está totalmente obsoleta desde hai anos e contamina o río Brexa, afluente do Mero, que desemboca na ría do Burgo, o que supón un perxuizo non só para a veciñanza de Carral, senón para toda a comarca.
Urxe que a Xunta de Galicia acometa as obras de renovación desta infraestrutura, imprescindible para a óptima conservación do medio ambiente. Un municipio como Carral de 7.000 habitantes non pode estar abandonado pola administración autonómica.