A pesares da insistencia do Concello de Cambre para conectar a Vía Ártabra coa AP9 en Pravio e non onde contempla o proxecto inicial, a Xunta debería realizar correctamente e sen demora os plans para o reinicio das obras, que foran paralizadas xudicialmente por defectos formais na tramitación do expediente administrativo.
A Xunta non está obrigada a consensuar cun concello caprichoso a realización dunha obra de interés autonómico e crucial para mellorar a mobilidade da área metropolitana, con influencia directa na densidade automobilística tanto na Ponte da Pasaxe coma na Costa da Tapia.
A Vía Ártabra é unha solución para conectar polígonos comerciais con áreas residenciais de toda a comarca e urxe a súa axilización coa correcta tramitación para rematar por fin esa ansiada conexión, dixo o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, ante os medios.
Nunha recente enquisa realizada polo Concello, a cidadanía apostou polo remate da Vía Ártabra por unha contundente maioría: das 2.910 respostas a esa pregunta, rexistráronse só 170 negativas, por 2.740 resposta que reclamaban o remate da infraestrutura viaria.