Ante a situación xerada na última reunión de transportes convocada pola Xunta de Galicia, na que foron desestimadas todas as propostas presentadas polo Concello de Oleiros, o alcalde, Ángel García Seoane, solicitará unha reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, para analizar as posibilidades de crear unha liña de autobús desde Perillo ata os campus universitarios.
O Concello de Oleiros leva meses defendendo unha proposta lóxica, xusta e beneficiosa: habilitar un servizo de transporte entre Perillo e o campus universitario da Coruña, cun percorrido circular nas franxas horarias de entrada e saída das aulas, que facilitaría o desprazamento ás máis de 800 persoas que, segundo a Universidade, residen en Oleiros (unha cifra que sabemos que é maior, xa que a UDC só recolle a residencia dun terzo do alumnado). Ademais, esta conexión beneficiaría tamén a estudantes doutros municipios que pasan por Perillo e poderían facer transbordo.
Outra das propostas rexeitadas pola Xunta era a posta en marcha da liña 1-A, que comunicaría o antigo Hospital Militar coa entrada de Santa Cristina. Estas iniciativas non supoñen prexuízo algún para as concesións do transporte comarcal que actualmente xestiona a Xunta e, ademais, cóntase tamén co interese manifestado polo Concello de Culleredo para a liña aos campus.
Resulta incomprensible que a Xunta siga obrigando ai estudantado a desprazarse ata o centro da Coruña para coller outro bus cara os campus, un rodeo innecesario que desincentiva o uso do transporte público e fai máis atractivo o coche privado. Se de verdade se quere apostar pola mobilidade sostible e pola redución das emisións, é imprescindible atender estas demandas.
Desde Alternativa dos Veciños lamentamos a falta de sensibilidade e de visión da Xunta, e reiteramos o noso compromiso de seguir traballando para que estas liñas de transporte se convertan nun servizo público útil e real canto antes.