A Xunta dá luz verde á empresa que pon en perigo de contaminación por petróleo ao peirao de Oza

O Concello da Coruña xa presentou un recurso contencioso e o de Oleiros tamén acudirá aos tribunais

A Xunta de Galicia outorgou licencia para a ubicación no Porto de Oza dunha planta clandestina que almacenará aceites e petróleos na dársena de Oza.

Esta planta que acolle todos os refugallos de vertidos oleosos na lámina de auga dos portos da Coruña, foi denunciada en diversas ocasións polo Concello de Oleiros, dado que os vertidos recollidos botábanos aos sumidoiros con camións cisterna a través dunha nave en Icaria (Oleiros).

A planta sempre funcionou clandestinamente. O goberno da Marea abríralle un expediente e a Xunta iniciara os tramites para a legalización da actividade. Tanto o Concello da Coruña como Concello de Oleiros e a Asociación de Veciños dos Castros presentaron recursos de oposición por incumprimento na normativa para instalacións deste tipo, totalmente contaminantes e cunha situación improcedente e perigosa.

A resolución inconcibible por parte da Xunta de Galicia outorgando e legalizando a actividade no porto pesqueiro, despois de varios anos de silencio, é totalmente inxustificable agás a relación que a empresa poida ter con algún preboste do goberno galego.

O Concello da Coruña xa presentou un recurso contencioso e o Concello de Oleiros tamén acudirá aos tribunais. 

Desde Alternativa dos Veciños agardamos que a xustiza actúe antes de que se dea unha grave contaminación na baía da Coruña.

Comparte esta nova!