A senda Iñás-Nós, premio Ciudades que Caminan

Un premio compartido co municipio de Chiclana de la Frontera, en Cádiz

O Paseo dos Sentidos, a senda que une as parroquias interiores de Nós e Iñás, ao sur do Concello, é moito máis que un paseo natural entre bosques e o frescor do regato de San Pedro. É unha alternativa de mobilidade “branda” (a de peóns e bicis) á estrada Nacional VI.

Así o recoñeceu o xurado do Premio Ciudades que Caminan, que lle concedeu o galardón ao concello, en paralelo ao de Chiclana de la Frontera (Cádiz). O presidente da Rede e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, comunicou ao de Oleiros, Ángel García Seoane, a decisión do xurado. O premio será recollido en La Línea de la Concepción o venres 17.

Son 4 km que na práctica é o segundo treito paralelo da N-VI. O primeiro sería o paseo marítimo do interior da ría, a piques de concluirse pegado ao mar, pero xa practicable polos parques anexos de Agramar, Beiramar, O Paraíso e O Graxal. Os dous paseos quedan unidos por unha serie de rúas que pertencen ao concello de Cambre, constituíndo así un nexo entre a nova senda e a que percorre toda a ría da Coruña, desde O Portiño (Bens) a Lorbé cando estea o treito de Dorneda.

Este foi o dictame do Xurado no premio concedido a Oleiros:

Valórase o esforzo de dotar ao municipio dunha rede paralela para a mobilidade ciclo peonil mesmo no caso de estradas de ámbito estatal como a NVI, que atravesa o territorio polo sur. A senda de San Pedro é, máis aló dunha aposta paisaxística e de lecer, unha fórmula segura para unir 4 km de percorrido interior coa infraestrutura de sendas costeiras e interiores, vertebrando un territorio disperso de baixa densidade cunha malla ciclopeonil que vai completándose a través de rúas, beiravías e parques.

Un modelo senlleiro de desenvolvemento territorial cunha aposta pola mobilidade natural que pode tomarse como exemplo estimulante para municipios de poboamento disperso. Tamén se valorou positivamente a calidade das solucións construtivas adoptadas, ofrecendo unha imaxe amable e cálida, que, sen ser invasiva, realza a paisaxe. Esta vocación transmítese mesmo nas prazas de aparcamentos vinculados á senda (pequenos nodos de intercambio modal), con pavimento permeable. A incorporación de aseos públicos é outro punto para destacar, pois favorecen a accesibilidade universal.

A Rede de Cidades que Camiñan está constituida por uns 100 concellos españois e 4 diputacións (Barcelona, Bizkaia, Cádiz e Pontevedra) e é a entidade de referencia das transformacións urbanas centradas na recuperación do espacio público para as persoas. Pertencen a ela concellos de todos os tamaños desde València (800.000 habitantes) ata Alajeró, en La Gomera, con 2.000.

Os premios concédense por tamaños de cidades: A Coruña obtivo o de cidades grandes grazas aos avances na camiñabilidade da Pescadería. Oleiros e Chiclana os de cidades medianas. O de cidades pequenas recaeu tamén ex-aequo en Allariz e Astillero, o das portuguesas en Porto e Grándola. Ademáis concédese un premio á Cidade Amiga que correspondeu este ano a Oviedo. O Concurso recibiu nesta edición 15 candidaturas.

Comparte esta nova!