A Sala do Contencioso-Administrativo Nº 2 da Coruña obriga a repoñer no seu posto de traballo ao arquitecto técnico municipal acusando ao goberno municipal de “desviación de poder”

Cambre, 28 de setembro de 2021.- O xulgado do contencioso-administrativo nº 2 falla en favor do arquitecto técnico municipal e acusa ao Concello de Cambre de “desviación de poder”.

O arquitecto municipal de Cambre foi desprazado das súas funcións como Xefe de Planeamento e Xestión do Departamento de Urbanismo en favor doutra persoa máis afín aos intereses do goberno municipal. A sentencia do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 2 da Coruña cualifica de “desviación de poder” ao Goberno Municipal e recolle textualmente a respecto das funcións do arquitecto que “ese proceso de baleiro (de funcións) non se opera tan só respecto da Unidade Técnica senón tamén respecto dunhas concretas funcións de seguimento da elaboración do PXOM, probablemente a función máis relevante do posto de traballo atendendo á transcendencia no conxunto da Área de Urbanísimo da elaboración do instrumento privilexiado de planeamento e que é presuposto da restante actividade a Área de Urbanismo. Unha función que se encomenda sorpresivamente a un interino contratado ademais apenas uns días despois da reincorporación do actor ao posto de traballo tras a finalización dunha comisión de servicios”.

A sentenza expresa claramente que se relega a unha persoa do seu posto de traballo por uns intereses determinados. No seu momento o arquitecto xa denunciara varias irregularidades cometidas polo goberno de Cambre como a construción do polideportivo de Anceis, sen estar aprobado o Plan Especial; a valoración de parcelas mercadas en Cela con supostas expectativas especulativas e por tanto sobrevaloradas, autorizacións de obras sen executar o proxecto de urbanización dun solo non consolidados, informes sobre o Plan Xeral; entre outras.
Trátase dunha sentencia extensa, de 13 folios, onde se lle da a razón ao arquitecto municipal que deberá ser restituído nas súas funcións e revoca a resolución do Concello de Cambre (25 de xuño de 2020) onde se desestima o recurso interposto polo arquitecto fronte a modificación puntual da RPT que afectou e reduciu ás súas funcións como Xefe de Planeamento e Xestión do Departamento de Urbanismo. O Concello de Cambre pode recorrer a sentencia xa que non é en firme mais de confirmarse esta e os informes realizados polo arquitecto titular, veríase se nun futuro próximo se poderían anular os anteriores; unha cuestión que Alternativa dos Veciños leva denunciando desde hai tempo.
Novamente confírmase a denuncia constante de Alternativa dos Veciños sobre as prácticas de dubidosa fiabilidade do goberno cambrés prometendo o PXOM e manipulando ao persoal municipal.

Comparte esta nova!